Saturday 04 de May de 2024

Belén do Campo amosa o compromiso da Xunta para seguir apoiando o crecemento da Zona de Arousa Norte como destino turístico de calidade


A delegada territorial do Goberno galego na Coruña participou esta mañá en Fitur na presentación da campaña Arousa Norte, a alma do mar

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou o potencial turístico da comarca de Arousa Norte, pois “pertence a un xeodestino -Ría de Arousa-, que conta cunha enorme riqueza paisaxística natural, un importante patrimonio arquitectónico, xacementos arqueolóxicos de primeiro nivel e, tamén, unha gastronomía que está indisolublemente unida ao mar”.

A representante do Goberno galego na provincia reiteroulle aos alcaldes da Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira todo o apoio da Xunta de Galicia para seguir impulsando o crecemento turístico da zona e convertelo en referencia de calidade. Neste senso, avogou por incrementar a colaboración entre as administracións para poñer en valor os recursos do xeodestino, que conta coa peculiaridade de abarcar dúas provincias, pois tamén se estende ata Pontevedra.

Do Campo participou esta tarde no acto de presentación da campaña Arousa Norte, a alma do mar, organizada pola Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa Zona Norte no stand disposto pola Xunta en Fitur, que acolle todas as propostas galegas baixo o paraugas da oferta común de Turgalicia. Neste senso, a delegada territorial valorou esta iniciativa de turismo vinculada ao propio territorio, que servirá para “aumentar o turismo de calidade poñendo en valor un dos recursos e atractivos máis representativos, como é o mar, que determina a forma de vida, a gastronomía e a identidade cultural desta área”.

Do mesmo xeito, a máxima representante do Goberno galego na provincia destacou que “que sexan os anfitrións: mariscadores, bateeiros, comercializadores de pescado, fabricantes de dornas e ata restauradores os que presenten o mar, aporta un novo punto de vista para captar novos visitantes”. Do Campo apuntou ademais que o desenvolvemento do produto turístico baseado na autenticidade e singularidade que proporciona o traballo no mar contribúe á sostenibilidade social do sector, na súa vertente económica e ambiental: “socialmente porque constitúe unha ferramenta para difundir o alcance histórico e actual das actividade marítimas, economicamente porque implica o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais e dinamiza a economía local e a nivel medioambiental porque favorece a sensibilización da cidadanía e o mantemento e conservación da costa”.

Por último, a delegada destacou que o “encanto co que conta este territorio é evidente e fai que cada ano se incremente o número de visitantes que desexan coñecelo”. Así, en 2014 foron case 400.000 viaxeiros os que se aloxaron nos establecementos hosteleiros da ría de Arousa, o que supuxo un incremento do 3% respecto ao 2013.
Este incremento na cifra de pasaxeiros tamén supuxo un aumento do 4,6% nas pernoctacións, ao rexistrarse máis de 1,1 millóns. O turismo nacional supón neste ámbito cerca do 90% da demanda total.